Quen somos?
A.C. Tangaraño naceu en Mos, un martes, 13 de xuño de 1999, cando un grupo de mozos e mozas procedentes de diferentes agrupacións decidiron pór en marcha o seu proxecto no ámbito da cultura tradicional.
Dende entón pasaron cinco anos, nos cales o traballo, o esforzo constante e, sobre todo, o afán de superación e aprendizaxe permitiron que a A.C. Tangaraño se teña convertido nunha agrupación sólida, a pesares da súa xuventude.
Ademais, dende o ano 1999 o crecemento da Asociación foi continuo, de xeito que na actualidade máis dun cento de persoas se teñen implicado no noso proxecto cultural, sendo o noso principal apoio e unha clara demostración de que imos no vieiro axeitado.
Que nos fai diferentes?
No noso entorno máis inmediato, Vigo e a súa área de influencia, existen un gran número de asociacións e moitas das mesmas de carácter cultural. Por isto, cando iniciamos a nosa andaina, decidimos ser unha agrupación que aportase algo totalmente diferente á hora de apostar pola investigación e a transmisión das nosas tradicións.
A A.C. Tangaraño está formada por un grupo de baile, dous grupos de pandeireteiras e un grupo de pandeireteiros. Sabemos que todas estas actividades se poden realizar en máis asociacións, mais tamén somos conscientes de que a nosa forma de facer as cousas non é a mesma que no resto de agrupacións. En que somos diferentes?
- Respectamos, conxugamos e facemos convivir dous estilos totalmente diferenciados, o baile coreográfico e o baile "de recollida".
A maioría das agrupacións apostaron por un ou outro. O baile coreográfico, parte das Escolas de Danza xeradas en tempos da Sección Feminina; mentres que o baile de recollida é o que nos ensinan os nosos maiores, rememorando os seus tempos de xuventude. No noso traballo respectamos profundamente ambas correntes, posto que consideramos que tanto unha coma outra forman parte da nosa historia e da nosa tradición.
- Apostamos por unha formación de calidade.
Dende os seus comezos, a dirección das diferentes agrupacións foi asumida por persoas cunha estreita vinculación ao mundo da cultura tradicional, con anos de experiencia na formación neste campo, e inmersas na investigación etnográfica. Asemade, ponse especial atención na elección dos diferentes colaboradores á hora de impartir algunha actividade extraordinaria.
- O que se manifesta nas nosas actuacións
Cada vez que participamos nalgún acto e no deseño das nosas galas, prestamos unha grande atención a todos os detalles. Escenografías coidadas, a elección do vestiario, unha minuciosa selección das pezas que interpretaremos fan que as actuacións de Tangaraño sexan un auténtico espectáculo, pensado para satisfacer aos espectadores máis esixentes. Este concepto permitiunos representar a nosa comunidade en diferentes festivais de música e baile tradicional, así coma acadar un cuarto posto naII Edición de las Jornadas de Música y Baile Tradicional celebradas no Centro Cultural Caixanova, un terceiro posto nas VII ademáis do premio ao mellor bailarín en ambas.
- Outras actividades organizadas pola Asociación
Ademáis de apostar pola transmisión da cultura tradicional, participando en diferentes actos, realizamos diferentes actividades divulgativas. Así, deseñamos unha "Mostra do Traxe Tradicional Galego" na que recollen diferentes traxes de diario e de gala de diferentes comarcas galegas. Tamén organizamos exposicións de traxes tradicionais e colaborado noutras exposicións, como a que en febreiro de 2005 organizou o Museo Etnográfico Olimpio Liste de Vigo. De feito, somos a primeira Asociación que colabora con este Museo nunha actividade con estas características. Tamén é habitual a nosa participación en actos de inauguración e recepción de invitados en diferentes congresos.



