O trasno e os seus secuaces
Manuel Murguía, marido da poetisa Rosalia de Castro, na súa Historia de Galiza (1888), enumera aos seres fantásticos en varias categorías, entre as cales incluía aos espíritos da casa , en cuxa lista relacionaba ás almas ou ánimas en pena, aos tardos e ao Tangomango, sendo esta por outra parte, unha clasificación incompleta. E certo que as almas en pena, para a crenza galega, roldan a casa, penetrando no seu interior, producindo certos fenómenos -hoxe considerados parapsicolóxicos- e falando, ás veces, cos membros da súa familia para advertirlles sobre algo ou para que cumpran una derradeira vontade referente ao enterro, misas ou herdanzas. Cando estas demandas non son satisfeitas é cando poden ocorrer todo tipo de fenómenos estraños (ruídos, cambio de obxectos de lugar, etc), perturbando a paz do fogar e asimilándose, por conseguinte, no que ás súas falcatruadas se refire a un vulgar trasno.
O Tangomango ao que fai alusión Murguía, parece referirse á enfermidade en xeral e, en concreto, a unha especie de baile de San Vito ou unha enfermidade imaxinaria sen demasiada importancia e, en todo caso, se o asociamos a un ser, sería dos minúsculos -malignos- que penetran no interior do corpo humano para ocasionar doenzas, pero do que case non hai datos importantes en toda a mitoloxía galega, aínda que supoñemos que non é outro que o Tangaraño.
Pola contra, o tardo si pertencería á familia dos duendes, aínda que, segundo a nosa apreciación, non entre os chamados domésticos, senón entre os vampirizantes. O certo é que nestas terras de meigas, o trasno recibe varios apelativos segundo a que se dedique. Así, por exemplo, recibe o nome de tardo de dedicarse a absorber a enerxía vital dos que dormen; trasno, de dedicarse aos quefaceres propios dos seus conxéneres, ou sexa, a revolver a casa e facer desaparecer obxectos; Xas, se non fai ningunha das cousas antes ditas, senón todo o contrario; Meniñeiro, se protexe e divirte aos nenos, ou diaño burlón, se fai trasnadas polos camiños ou os montes.
Nalgúns lugares de Galiza -segundo Rodríguez López- séguese asociando o duende ao demo, e pensan que este corre pola noite en busca de fiestras mal pechadas para fuxir. Para impedirlle pasar, poñen xunto a eles un prato de millo, pois no momento que o verte ou espalla vaise a outra parte e non volve aparecer. O demo é tan popular que recibe en galego varios nomes, segundo as zonas, culpándoselle dos sucesos aparentemente inexplicabeis que ocorren (é cousa do demo), por iso no só o trasno sería un demo, senón tamén o abelurio, cachano, demiño, democho, demóncaro, demontre, diaño, déngaro, perello, perete, rabeno, rabudo, demachiño, resalgario, zuncras, sucio, etc.
En Galiza, coma tamén ocorre en Cantabria, o trasno non ten na man burato algún que lle impida reunir os grans de millo que teña derramado, pois, segundo M. Murguía, gústalle contar os grans un a un, mais en canto pasa de cen trabúcase, e comeza outra vez, trabúcase outra vez e acaba por se aburrir. Nunca son malignos, aínda que si moi rebuldeiro, mais non hai que confundilos con aqueles que infunden entre as xentes o que chaman o tangaraño, coa súa individualidade propia, xa que se trata dun duende vampirizante. Respecto ao seu aspecto físico, parece ser que son moi parellos aos asturianos e que lles gusta transformarse con moita frecuencia en animais, pero só cando actúan fóra dos límites da casa.
Cóntanos Antonio Fraguas que, unha tarde de frío, levaron a un deles en forma de cordeiro branco e, ao entrar na corte, os demais animais, ovellas e cabras, golpearon nerviosos o chan coas patas. Ao día seguinte, ao abrir a porta da corte, saíu correndo das fincas con tal rapidez que se deron conta entón que colleran un trasno (ou un diaño, dirán outros).
A identificación do trasno co diaño burleiro, ou "diablillo burlón", como xa dixemos é algo moi habitual, e da mesma opinión é o folclorista Luis Moure, que lle atribúe as mesmas facultades transformistas que posúe aquel e as súas mesmas anécdotas, como a de adoptar a forma de burro e alongarse cando alguén o monta.
En Galiza, o trasno está tan presente na nosa cultura popular que son moi famosos os seguintes ditos: Anda facendo trasnadas ou é un trasno, cando sinalan a alguén que non para de facer trasnadas. Outras frases populares e de uso corrente son: Anda feito un trasno, aplicada á persoa que anda soa polos camiños, Seica anda o trasno comigo, dito por aquela persoa á que todo lle sae ao revés de coma o planeara, ter o trasno no corpo, ou o refrán: Nunca se farta o trasno de facer trasnadas.
Tangaraños e demachiños
Sobre o relato da existencia dos demachiños ponnos ao corrente o investigador e folclorista galego Luis Moure Mariño, que, á súa vez, escoitoullo contar a un vello e sabio labrego chamado Manuel de la Rega. En resumidas contas, os demachiños son seres invisibeis que habitan moi preto de nós, e ao parecer hai milleiros deles que nos vixían e espían dende todos os recunchos e incluso poden mesturarse coa comida que levamos á boca, por iso – coméntanos dito autor- son tantos os posesos ou endemoñados que se están habitados por estes pequenos demos.
Eles son os causantes de fenómenos que, a primeira vista, non teñen explicación, coma os misteriosos ruídos que nos arrepían cando estamos na máis completa soidade, ou paredes que se derruban, ou pólas que se desprenden do tronco, extravíos que sufrimos indo de camiño, un testo que cae, unha carta que se traspapela e cousas semellantes, é dicir, que se tende a atribuír a estes seres todo aquilo que se antolla anómalo e tenebroso. Serían unha especie de caixón desastre, onde caben todas as falcatruadas que non teñan como claros autores aos trasnos, tardos, meniñeiros, xas ou tangaraños de rigor. Convértense, por conseguinte nuns invisibeis anxos do mal, en contrapartida co anxo da garda, que está ao aceno para aproveitar a máis mínima ocasión na que mesturarse co mundo dos humanos. Por iso -dicía o labrego- cando ao espreguizarnos se nos abre a boca, é cousa boa facer o sinal da cruz para que estes intanxibeis diabros non se metan no noso espírito.
A súa orixe sería similar ao dos duendes comúns, pois confírmanos Luís Moure que cando o Noso Señor expulsou do ceo aos anxos malvados, mandou que se abrisen a un tempo as portas do ceo e do inferno. Foi así coma empezaron a caer do ceo enxames de anxos que ían parar ao inferno até que, canso San Miguel de ver tanta masacre anxélica, dixo de súpeto:
-Surcen corde!
(Cremos, a falta doutra explicación, que o sintagma en cuestión debe ser unha malformación de ¡susum corda!, exclamación litúrxica moi antiga pola que o sacerdote invitaba aos seus fieis a elevar os seus corazóns, sen esquecer que con ese latinismo se designa en Galiza ás bruxas que roldan e vixían de noite aos rueiros, (grupos de casas illadas), botando mal de ollo mentres as demais compañeiras ían ás súas xuntanzas). Para outros autores, coma Agustín Portela Paz, os Demachiños foron expulsados despois do sursum corda e non tiveron tempo de chegar á terra, e ficaban vagando en nubes sombrías e camiñando incesantemente coma se estivesen condenados a non poder permanecer moito tempo no mesmo lugar.
Bastaron tan contundentes palabras do santo para que, simultaneamente, se pechasen as portas do ceo e dos infernos, sendo así que moitos demachiños que caeron do ceo non tiveron tempo de entrar na súa outra morada e ficaron presos e deambulando por este mundo terrestre, vivindo refuxiados e agochados na súa invisibilidade outro lado do espello.
No diccionario Enciclopédico de Rodríguez-González, atopámonos como o tangaraño está definido do seguinte xeito:
Diaño ou trasno maléfico que supostamente ataca ós nenos, enfraquecendoos e deformándoos. Polas súas características e forma de comportarse é similar aos malignos asturianos..
Para Valentín Lamas Carvajal é un xenio malévolo, contra o que só cabe un remedio bastante drástico:
A nai unha bulsa
colgoullen o pescozo con escapularios
medallas e figas
a pel d'unha cobra y os ollos d'un sapo
Aos nenos e nenas afectados de tangaraño se lles vía raquíticos e esmirrado. As súas pequenas vítimas fuxían berrando:
-Tenche o Tangaraño! .
Coma nos estamos a referir a un ser que, por extensión, se asocia a unha enfermidade, os remedios contra el son os mesmos que para combater a doenza. En terras achegadas a Ourense, o 11 de Xullo de cada ano levan a ermida de San Benito da Cova do Lobo aos nenos enfermos vítimas do raquitismo, que se supoñen posuídos do Tangaraño. Existe neste lugar máxico un penedo de enormes dimensións que deixa un oco ou cavidade para poder pasar á criatura por debaixo da pedra. Para efectuar o ritual deben comparecer tres mulleres chamadas María. Unha das mesmas, mentres pasa ao cativo enfermo á que está ao outro lado da pedra, di:
Ahí che vai o tangaraño
pásocho doente,
devólvemo sano.
Non esquezamos que o Tangaraño está moi vinculado co meigallo que en liñas xerais, é unha perturbación psíquica que domina a vontade das persoas que o posúen, e a súa orixe adoita estar, segundo a crenza máis estendida, nun mal espírito que se mete no corpo, unha especie de demo que atormenta á súa vítima. Esta doenza tamén se cura indo en romaría a San Campio ou á Virgen do Corpiño, onde, realizando os ritos precisos e pronunciando as xaculatorias correctas, acadase quitar o mal cativo ou meigallo.
Duendes "Guia de los seres magicos de España"
Carlos Canals y Jesus Callejo
Ilustraciones Ricardo Sanchez



