Tangaraño
Menú
Login
Procurar

Curros e o Tangaraño


Manuel Curros Enríquez é un dos tres representantes do Rexurdimento da literatura galega, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. En 1880 publicou Aires da miña terra, que contén 36 poemas de temática variada con predominio dos de carácter social ou socio-político. Por mor disto, intentárono silenciar tachándoo de herético e blasfemo, sendo denunciado á autoridade xudicial polo bispo de Ourense. Foi condenado, e posteriormente absolto, xerando unha expectación sen precedentes. Deste xeito conseguiron o contrario do que se propoñían: Déronlle tanta resonancia que o libro se esgotou en 15 días.


Tangaraños

A D. Emilio Castelar

I II
San Benito de Coba de Lobo
ten no cume un penedo furado,
de tan rara virtude ortopédeca
que é o asombro do mundo cristiano.

Cando nace un miniño tolleito,
seus parentes oférceno ó santo,
e mitido nun queipo de bimio,
alá o levan á festa en chegando.

I aos dous lados da boca da pena,
que lle colle dun lado a outro lado,
din a nai i a madriña do renco
pola gorxa de pedra pasándoo:

-Ten conta, santiño
do meu tangaraño:
doente cho deixo,
devólvemo sano.

I esto dito tres veces arreo,
sin refolgo tomar nin descanso,
o coitado do entangarañido
queda xa desentangarañado.

San Benito de Coba de Lobo,
San Benito quirido, meu santo,
tamén eu, probe vella achacosa,
que xa tiven de fillos un fato,

xorobados do corpo ou da ialma,
da concencia ou dos membros baldados,
tamén eu vin buscar mediciña
prós meus nenos no voso santuario.

E despois de deixarvos nas aras
seis perniles de porco cebado,
eu tamén, eu tamén, de fe chea,
repitín aquel místico ensalmo:

-Señor San Benito,
meus fillos vos traio;
doéntelos deixo,
volvédemos sanos.

Por tres veces chorosa roguéivolo;
todas tres sin me dar resultado,
i os meus nenos entangarañidos
morren todos entangarañados.
Verbo ardente da gran Democracia,
novo Cristo dos pobos escravos,
nestes tempos nacido pra azoute
de verdugos, de reis e tiranos,

ti, que á miña profunda miseria
vés traguer o consolo agardado,
sin cubiza de laude, seguro
de ben probe e mizquiño agasallo,

quer con Dios teñas pauto, ou co Demo,
ti serás dende agora o meu santo,
a quen diga, poñendo os meus fillos
baixo o teu proteutor patronado:

-Tribuno dos servos,
meus nenos che traio;
doentes chos deixo,
devólvemos sanos.

Pois cecais que tan pronto lles chegue
o calor meciñal do teu bafo,
os meus nenos entangarañidos
quedarán desentangarañados.

Todos eles naceron saniños
cal repolos en horto pechado;
Mais despois, non sei como, torcéronse,
e tortiños están, ¡malpocados!

Este é crego de entrámbolos remos,
aquel outro cacique do raño,
este ten un Marat nas costelas,
doise aquel dun Shylock no espiñazo.

¡Troca en homes de ben estes monstros,
que nin mesmo que os viran meigallos:
nunha gran xuventude de estrelas
esta gran xuventude de sapos!

¡Que logre un xiquera
dos meus tangaraños!
Doentes chos deixo,
devólvemos sanos.

Eu ben sei que por esta velliña,
como queiras, farás o milagro;
i os gallegos entangarañidos
vivirán desentangarañados

Printer Friendly Page
Send this Story to a Friend